Programa Innpronta do CDTI para proxectos tecnolóxicos das PEMEs.
  
O Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) anunciou onte a posta en marcha do programa Innpronta, un instrumento de financiamento que subvencionará até o 40% o importe de proxectos tecnolóxicos das pemes. O organismo dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación destinará este ano 1.400 millóns, un 15% máis que o ano anterior, a promover a innovación empresarial.

Ante o titánico reto de cambiar o modelo produtivo nun país que gusta do turismo e o ladrillo, o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxica e Industrial presentou onte as novas medidas -que entrarán en vigor o primeiro de abril- para potenciar a investigación, o desenvolvemento e a innovación. Unha das principais novidades é o bautizado como programa Innpronta. "Trátase dun instrumento para apoiar iniciativas de alto compoñente tecnolóxico e gran necesidade de masa crítica", explicou onte o director xeral do CDTI, Arturo Azcorra. De feito, Innpronta só financiará proxectos de, como mínimo, 15 millóns de euros e de empresas relativamente consolidadas.

Para este ano, cóntase cun orzamento de 120 millóns de euros. Para as pemes, o 40% do crédito recibido non deberá devolverse e, no caso das grandes empresas, a porcentaxe será do 35%. As condicións de financiamento son altamente vantaxosas. CDTI ofrece préstamos -parte dos cales son "non reembolsable"- por importe do 75% do proxecto, a un tipo de interese do 0% e cun prazo de amortización de dez anos. De feito, para simplificar a xestión, o organismo decidiu que estas condicións rexan para todos os programas de axuda e financiamento que posúe a compañía, explicou o secretario xeral de Innovación, Juan Tomás Hernani.

Ademais, para os próximos doce meses e de forma excepcional, o CDTI incrementará até o 85% o financiamento dos proxectos que conceda. Por outra banda, como xa sucedeu o ano anterior, as pemes poderán solicitar axudas sen necesidade de presentar ningún aval nin garantía. Este organismo cobre o 24% do total de investimento privado en I+D de España. Este ano destinará 1.400 millóns a financiar proxectos, un 15% máis que o ano anterior. Parte dese importe servirá para pór en marcha o programa Innvierte, un fondo público de capital risco ao servizo de empresas que inician a súa andaina (a chamada fase star-up). Azcorra xa desconta que non todos os proxectos que financien con este instrumento chegarán a consolidarse e a xerar beneficios. Outra novidade é o programa Innodemanda, que potenciará a compra pública de tecnoloxía.

Ademais de ofrecer financiamento, o CDTI xestionará en colaboración coas comunidades autónomas os programas de axuda Feder da Unión Europea. Actualmente, xa se iniciaron conversacións con Estremadura, Galicia e Andalucía para abrir convocatorias. Os proxectos Feder requirirán, segundo Azcorra, a participación de consorcios empresariais de polo menos "tres empresas independentes".

Fonte: Cinco Días